Por Armando Requeixo.
Un pobo que non lembra a súa historia, as súas tradicións e os seus devanceiros é un pobo que deixou de existir. Para afianzar o presente, para viabilizar un futuro é imprescindible gardar memoria do que viñemos sendo. Os científicos chaman a ese exercicio preciso de análise do pasado etnohistoria. As obras que recuperan tan precioso herdo teñen un valor inestimable e dunha delas, exemplar, quero hoxe dicir: Quintela de Mazaira. Terra e xente.
Este libro é un demorado estudo levado a cabo polo ensaísta e narrador Olegario Sotelo Blanco, natural da localidade de Quintela de Mazaira, pequena entidade de poboación situada a doce quilómetros de Castro Caldelas en Ourense, estremeira xa coas terras da provincia de Lugo e que ten como gardián no horizonte a Cabeza de Manzaneda, da que dista vinte e cinco quilómetros.
Quintela foi de sempre unha aldea arredada, malia a súa proximidade á antiga vía romana e a situarse a non moitos quilómetros de San Clodio e Montefurado. Este feito fixo que nela se conservasen costumes e usos que a definen como un ben singular reservorio de moitos dos nosos sinais de identidade do que foi a Galicia agraria secular, de aí o interese certo de recoller e estudar todos os materiais etnográficos e antropolóxicos que, ollados dende o presente, explican a andaina que fixemos como comunidade.
Sotelo Blanco dedicou a recoller toda esta información e analizala moitos anos. Agora dáa a coñecer nun volume de case medio milleiro de páxinas, publicado polo selo editor que leva o seu nome e que ve luz co patrocinio do Concello de Castro Caldelas e a Deputación de Ourense.
Nada neste libro fica fóra da minuciosa atención de Sotelo Blanco, quen dá conta dos espazos sociais e de traballo na aldea; da vivencia das estacións e os días; das partes da casa e o ambiente doméstico; dos lugares das xuntanzas; dos hábitos de vestimenta; dos oficios e labores agrícolas; das celebracións comunais, feiras e xogos infantís; do medio natural circundante e a abondosa presenza dos muíños; da vizosa tradición literaria oral vencellada a todo tipo de crenzas, lendas e supersticións e, tamén si, da importancia do fenómeno migratorio nesta localidade.
A todo este vastísimo coñecemento chega Sotelo Blanco por diferentes vías. Primeiramente, a súa propia memoria, pois incorpora algún capítulo expresamente autobiográfico no que lembra a Quintela da súa infancia e mocidade e fai balance da súa particular relación con ela como emigrante a Cataluña que foi. Mais tamén accede a todo este rico universo mercé ás entrevistas que foi facendo a algúns dos seus habitantes, quen testemuñaron moitas das informacións e ofreceron xeitosos recordos cos que axudar a trazar este mapa etnográfico do lugar. Finalmente, para algunhas cuestións contextuais e metodolóxicas tamén se serviu o autor dunha bibliografía escolleita, coloratura precisa para salpementar aquí e acolá comentarios ou explicacións.
Denantes de rematar, non quero deixar de salientar outras dúas achegas de estimanza: a xenerosa galería fotográfica coa que se dá cabo á obra e a pulcritude técnica na edición do libro. As instantáneas teñen a virtude de facernos máis próxima o mundo retratado. A coidada edición, responsabilidade de Mari Carmen Romero e Xurxo Bértola, de ofrecernos un volume que presta ter nas mans, mimado ata o último detalle nas tipografías, papel e maqueta.
Oxalá cada unha das nosas heroicas aldeas tivese un Olegario Sotelo Blanco para historiala. Quen nos dera ver publicadas moitas Quintela de Mazaira. Terra e xente. Teño a esperanza de que o exemplo dea froito e este libro, modélico de todo punto, sirva de guieiro a futuros traballos que recuperen e estuden tanta vida das comunidades de noso.